Presentación da Rúa Mª Victoria Moreno

María Victoria Moreno xa ten a súa ben merecida avenida en Pontevedra. Seguindo o camiño de construir unha pontevedra en feminino, cun rueiro cunha maior representación de mulleres, o Concello de Pontevedra deu o nome da escritora e mestra á antiga Avenida Fernández Ladreda.

“Substituímos o nome dun militar franquista pola dunha muller escritora e mestra, porque queremos unha cidade máis xenerosa, máis humana e máis feminista”, dixo a concelleira de Igualdade, Carme Fouces.

María Victoria Moreno gustaba dunha Pontevedra “de barrio, dos paseos polas zonas peonís mentres compartía momentos con amigos e alumnos”, indicou Fouces. Begoña Llácer, filla de María Victoria, expresou o orgullo da familia pola rúa que leva o nome da súa nai. “para miña nai Pontevedra era moi importante: foi fogar e atopou familia na súa xente”.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, falou do xoves como unha “xornada feliz, porque damos un paso xigante para mudar a cidade: trocamos armas por letras e violencia por amor. A de María Victoria Moreno foi unha historia de amor polas persoas, foi unha entrega permanente, foi solidariedade sen límites. Amor pola docencia, pola literatura, pola xustiza. Por iso este ano que adicamos a ela está cheo de libros, de exposicións que veñen cheos de sorrisos, apertas, amor, delicadeza e humanidade”.

Unha grande avenida leva agora o nome de María Victoria Moreno e vai iluminar a cidade “como un faro de luz. Pontevedra engalánase cun nome cheo de sensibilidade, agarimo e xenerosidade”.

Comparte!

Deixa unha resposta