O acto do 12 de novembro será unha homenaxe ás viúvas e as orfas e orfos dos fusilados

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

Colocáronse 10 velas polos fusilados e 40 flores polas súas mulleres, fillas e fillos

O 12 de novembro, no quilómetro 1 da estrada de Campañó, o fascismo asasinou a dez significados republicanos, de distintas ideoloxías, idades e profesións pero que tiñan en común ter defendido o lexítimo goberno da II República.

Os tiros na Caeira deixaron dez mortos, sete viúvas e trinta e tres criaturas orfas, dúas delas aínda no ventre das súas nais. Aos que quedaron é aos que o Concello de Pontevedra dedicou este ano a homenaxe que se fixo diante do monumento ás vítimas do 12 de novembro, na rúa que leva o mismo nome. Ao pé da escultura colocáronse dez velas, en lembranza de cada un dos fusilados, e 40 flores polas sete viúvas e as 33 orfas e orfos que deixaron os asasinados.

Lola Lois, Aurora Poza, Matilde Caamaño, Isabel Gómez, Carmen Julian, Blanca Rodríguez e Rita Sobrido son as mulleres que tiveron que sair adiante soas despois da fatídica data e tirar, ademais, das fillas e fillos que quedaron sen pai. E a iso, engadir as multas, as incautacións e as depuracións laborais, feitos que puxeron en apuros ás viúvas do 12 de novembro.

O acto tamén se fixo extensivo ao resto dos familiares dos fusilados (nais, pais, irmáns, avós…) pois a morte deses dez homes apenas foi o principio do sufrimento das familias dos asasinados, que en moitos casos, viviron unha represión directa que afectou a varios dos seus membros.

Deixa unha resposta