Nove persoas colaboradoras repasan a historia feminina de Pontevedra no libro ‘Do gris ao violeta’

A Casa da Luz acolleu hoxe a presentación do libro ‘Do Gris ao Violeta. Achegas á historia das mulleres de Pontevedra’. Trátase dunha obra que fai un repaso á vida de moitas mulleres que foron relevantes para constituír a sociedade na que hoxe vivimos. Pontevedra non sería o mesmo sen as mulleres protagonistas dun libro que contou coa participación de nove colaboradores.

Así, na publicación atópanse artigos de María Xesús López Escudeiro, que fixo un repaso ás pioneiras, heterodoxas e rebeldes como protagonistas da historia desde a Idade Media ao século XX; Carme Vidal, que conta a vida de artistas, músicas e escritoras como mulleres creadoras con nome propio; ou María Victoria Martíns Rodríguez, que amosa a vinculación entre a muller e a educación, facendo especial fincapé na incorporación das mulleres ao ensino.

A máis crúa realidade poderase ler nos artigos de Xosé Álvarez e Montse Fajardo, que versan sobre as mulleres de Pontevedra que sobreviviron á represión franquista, e a memoria e as redes de solidariedade, contadas a través do testemuño das vítimas e as familias.
Pola súa banda, Ana Cabana Iglesia expón como se viviu a protesta social contra o pago da cota das Hermandades Sindicais de Labradores e Gandeiros na provincia de Pontevedra dende a perspectiva de xénero e Mario Gallego afonda sobre as palilleiras pontevedresas.

Ramón Rozas lembra a historia de catro mulleres destacadas no comercio e no sector servizo, como foron Clara López, de Almacenes Clarita; a taxista Dolores Trabado; María Luísa Olañeta Barros (María a do Carrillo); e Dolores Calviño, a señora Lola.

Os dous últimos epígrafes son de María Abelleira Fontán, que amosa unhas mulleres traballadoras que foron quen de termar da terra, do ceo e do mar co seu traballo na casa, na facenda, nas fábricas… e de Ana Acuña, que relata a visión de Sabino Torres sobre as prostitutas da Moureira, desvelando asentamentos, espazos e nomes.

A publicación conta con tres textos introdutorios do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e dos concelleiros Luís Bará e Carmen Fouces. Ademais das fotografías ilustrativas de cada un dos epigrafes, inclúese unha reportaxe fotográfica sobre a exposición ‘Do gris ao violeta’, que durante máis de dous meses estivo entre a Praza da Ferraría, a Praza de Ourense e o Paseo de Odriozola e que foi visitada por centos de alumnos de colexios e institutos do concello de Pontevedra.

‘Do gris ao violeta’ é produto do programa A memoria das mulleres, unha iniciativa que naceu fai dous anos para investigar, documentar e divulgar a historia de Pontevedra desde unha óptica feminina. O obxectivo do programa é dar a coñecer a presenza e o protagonismo das mulleres, tanto a nivel individual como colectivo, no desenvolvemento histórico do concello, desde a Idade Media até a actualidade.

Comparte!

Deixa unha resposta