Lérez acolleu a homenaxe ás familias vítimas da represión

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

Pontevedra, 30 de setembro de 2017. A Casa da Cultura de Lérez acolleu hoxe a homenaxe ás familias vítimas da represión franquista. No acto, no que interviron o historiador Xosé Álvarez Castro, a xornalista e escritora Montse Fajardo, e o concelleiro de Memoria Histórica, Luís Bará, expuxéronse as historias de moitas familias da parroquia que viron truncadas as súas vidas polo golpe militar do 36.

No ano 1936 Lérez era unha parroquia adiantada ao seu tempo e contaba con entidades pioneiras como a Sociedad de Agricultores, fundada en 1896, a Juventud Lerezana (1929) e mesmo unha entidade financieira propia: a Caja Rural de Lérez, fundada en 1925. Pero os seus avances víronse freados polo golpe de Estado do 36, que trouxo consigo unha cruenta represión sobre moita da veciñanza e quebrou os soños de prosperidade de toda a parroquia.

Os veciños de Lérez Faustino Gama Casalderrey, Juan Magdalena García, Víctor Moldes Carro, Manuel Dios Costado, Andrés Rey Rey e Albino Sánchez Leiro foron asasinados polos golpistas pola súa implicación coa II República. Ducias de persoas foron encarceradas, falecendo José Rey Rodríguez mentres cumpría condena no penal de Burgos.

A familia Gama
Os asasinatos marcaron as familias máis fondamente comprometidas coa República. Manuel Gama Casalderrey, líder da Caja Rural, foi detido tras o golpe e estivo encarcerado ata 1943. Daquela aínda permanecía agochado o seu irmán Alejandro. Entregouse en 1945 e tras quedar en liberdade traballou na reorganización do PCE. Foi detido, torturado e pasou máis de 13 anos no penal de Burgos. O seu irmán Faustino, tamén comunista, foi fusilado o 28 de decembro de 1936 tras entregarse aos cívicos para evitar máis danos á súa familia. Tanto a súa irmá Custodia como a súa moza, Estrella Portela, foran detidas e rapadas. A outra irmá, Adelina, fuxiu a Bos Aires e estivo dous anos ingresada nun sanatorio mental. As propiedades da familia foron incautadas.

A familia Magdalena

O 10 de setembro de 1936 os cívicos sacaron da súa casa de Cerponzóns ao dirixente da Federación Comarcal Agraria, Juan Magdalena García. O seu cadáver apareceu cos xenitais metidos na boca. Deixaba viúva a Dolores Castro Ruibal, quen parira a seis criaturas, dúas de elas con discapacidade. Severino, Ángel e Mercedes Magdalena García fuxiron a Arxentina xunto ao home desta, Constante Estévez Casalderrey. A outra irmá de Juan, Jose na, a Recacha, sufriu constantes requisas na súa taberna.

Víctor Moldes e Albino Sánchez, o Perrita

O 17 de setembro de 1937 foron fusilados na Avenida de Bos Aires, Víctor Moldes Carro, ex presidente da Federación Agraria Comarcal, e Albino Sánchez Leiro, o Perrita, quen estando en capela casou coa veciña de Lérez, Carmen Casalderrey, a Lanuda. Carmen sacou adiante a dúas criaturas traballando no estraperlo e mesmo chegou ir presa. A viúva de Moldes, Elisa Ruibal Cons, morreu no exilio uruguaio, polo que tamén pasou toda a súa descendencia.

María Luísa Rodríguez Pereira, a Chinita

Xunto aos asasinatos houbo outras formas de represión que cambiaron para sempre a parroquia. O fascismo perseguiu os líderes do movemento agrario e obreiro, incautou os bens das súas pioneiras agrupacións, depurou o mellor do maxisterio, devolveu os crucifixos ás aulas e detivo ducias de persoas vinculadas á República. Unha delas foi a modista María Luísa Rodríguez Pereira, a Chinita, de 19 anos, detida ata en tres ocasións e rapada.

[Descargar o panel creado sobre a represión en Lérez.]

Vídeo proxectado no acto:

 

Deixa unha resposta