Inauguración da avenida Josefina Arruti

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

A avenida Josefina Arruti inaugurouse hoxe entre decenas de autoridades que acudiron a un acto no que se recordou o pasado desta muller, “símbolo de solidariedade” nesta cidade, segundo apuntou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará. Unha mostra desta solidariedade amosouna abrindo o seu panteón familiar para enterrar os restos de moitos fusilados, polo que Bará destacou que esta persoa é “exemplo para hoxe e para o futuro”.

As palabras máis emotivas viñeron da boca do seu fillo maior, José Ángel Fernández Arruti, que falou en representación dos seus irmáns, todos presentes no acto. Indicou que para a familia é unha “enorme satisfacción e honor” que o nome da súa nai denomine unha “belísima avenida do patrimonio urbano de Pontevedra”. Fernández Arruti indicou que moitos “non saben quen era, pero outros non queren saber” quen era a súa nai e explicou que foi unha “muller represaliada por gardar parentesco cun home politicamente comprometido”, pero dixo dela que sempre foi “sinxela, humilde e discreta”. Para rematar a súa intervención explicou que a vida debe seguir “sen odio, sen rancor, pero coa memoria sempre viva”.

Pola súa banda, a ministra de Fomento, Ana Pastor, describiu a Josefina como unha muller que viviu con dignidade e enteireza en tempos moi difíciles e “merece o noso recoñecemento. Que se saiba que na memoria está unha muller valente que defendeu as súas ideas”. Ademais describiu o momento como un “emotivo acto mestura de sentimentos e realidade” e cualificou a Josefina como “unha muller cos pes na terra”.

Deixa unha resposta