Homenaxe ás persoas represaliadas de Mourente

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

A antiga escola de Cons acolleu unha homenaxe á xente represaliada de Mourente. É a parroquia do municipio que máis relevancia política acadou no primeiro terzo do século: un veciño seu, Manuel Portela Valladares, chegou a ser presidente da II República. O seu irmán por parte de pai, Heraclio Botana, deputado nas Cortes e fundador xunto a José Araújo, tamén nacido na parroquia, do Partido Socialista en Vigo. E no momento do golpe había dous veciños ostentando o bastón de alcalde: Severino Couto, o Canteiro, no Concello de Ponte Canedo (logo anexionado a Ourense) e Manuel García Filgueira no de Pontevedra, ocupando o baleiro que deixara Bibiano Fernández Osorio-Tafall tras o seu nomeamento como Subsecretario de Gobernación.

Todos eles pagaron moi cara a súa fidelidade á República. Botana foi fusilado, igual que o fillo de José Araújo; Couto sufriu prisión e incautacións económicas; Portela Valladares morreu no exilio e García Filgueira estivo agochado ata 1949.

O acto, organizado pola Concellaría de Patrimonio e Memoria Histórica, dá continuidade aos celebrados en anos anteriores nas parroquias de Salcedo e Lérez e ademais de homenaxear as personalidades máis relevantes, recoñece a labor de toda a xente humilde da parroquia que sufriu directa ou indirectamente a represión.

Coma sempre, houbo unha lembranza especial para as mulleres, as máis esquecidas de entre as vítimas. Falouse das que sufriron a represión directa, como a compañeira de García Filgueira, Emma Mourón, que foi encarcerada con Carlos, o seu fillo máis pequeno; como Otilia Meis, tamén encarcerada tras o asasinato do seu pai, Ramón Meis; ou como Saladina e Pérsida Riveiro Tomé, Maruja Fortes, Argentina Villaverde, Olivia Tomé ou Celia Reboredo, algunhas das mulleres rapadas da parroquia.

Pero ademais, homenaxeouse a aquelas que, sen sufrir este tipo de agresión directa, se viron obrigadas a convivir co represor tras a asasinato do home ou durante o seu encarceramento. Mulleres como Isolina Villaverde, viúva do canteiro Aurelio Torres, que sufriu numerosos rexistros e incautacións económicas e que, tras o asasinato do seu home en Carabelos, seguiu adiante soa e vivindo a poucos metros da muller que o delatara.

Tanto as súas historias individuais como a represión colectiva que supuxo a queima en agosto de 1936 do local da Sociedade de Agricultores, a “Casa do Pobo”, están recollidas nunha publicación elaborada polo equipo do programa “A memoria das mulleres” da Concellaría de Patrimonio, que foi entregada de balde a todas as persoas que asistiron ao acto.

Interviron nel María Lores, neta de Aurelio Torres e Isolina Villaverde; Xosé Álvarez Castro, o historiador que sen dúbida máis coñecemento ten da represión sufrida pola parroquia; Montse Fajardo, responsábel da publicación repartida na homenaxe; e Luís Bará, concelleiro de Patrimonio e Memoria Histórica. Ademais houbo a actuación musical do grupo Foula.

O colofón da homenaxe foi o descubrimento na escola de Cons dun panel cos datos máis relevantes sobre a represión en Mourente. Tanto ese texto como o da publicación foron elaborados grazas ao traballo previo de Álvarez Castro e á colaboración de dúas ducias de persoas da parroquia, a maioría pertencentes a familias represaliadas, que prestaron o seu testemuño. Sen a súa memoria, sería imposíbel o recoñecemento que toda a sociedade de Pontevedra lle rende á Mourente republicana.

[Descargar o panel creado sobre a represión en Mourente.]

Deixa unha resposta