Neste momento estás a ver Homenaxe a concelleiros e persoal do concello que foron vítimas da represión franquista
Momento do acto

Homenaxe a concelleiros e persoal do concello que foron vítimas da represión franquista

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

Amalia Bóveda Álvarez xirouse no seu asento do Teatro Principal e tomou a man de Carmiña Fernández Arruty. Nin Carmiña nin o seu irmán José Ángel puideran evitar emocionarse ao escoitar as palabras que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, dedicara a súa nai, Josefina Arruty Viaño, durante a homenaxe aos concelleiros e persoal municipal represaliados polo franquismo, que se celebrou o venres 28 de novembro.

O acto comezara cunha breve introdución histórica do investigador Xosé Álvarez Castro, probablemente a persoa que máis sabe do que aconteceu na cidade a partir daquel 18 de xullo de 1936, e a continuación, familiares das persoas homenaxeadas e persoal que na actualidade ocupan o cargo do que elas foran apartadas polo fascismo, leron os seus nomes e depositaron no escenario do teatro velas brancas na súa memoria. Entre os nomes, catro mulleres, depuradas polos sublevados pola súa lealdade á República: Teresa Blanco, empregada de cemiterios; Laura Cortegoso y Elvira Garrido, xardineiras; Delia Gendra, encargada da limpeza.

No listado non estaba Josefina Arruty. Non era concelleira. Non era funcionaria. Pero como o alcalde subliñou na súa exposición, houbo moitas máis vítimas desa onda expansiva que aínda permanecen ocultas no silencio da historia: nais, irmás, fillas, compañeiras…“ Porque se houbo un alcalde perseguido -dixo Lores- tamén houbo unha esposa excluída, encarcerada, insultada”. E, probablemente por primeira vez na historia, xunto a quén fora o primeiro alcalde pontevedrés na II República, xunto ao político da talla de Bibiano Fernández Osorio-Tafall, a cidade homenaxeaba tamén, a través das verbas do rexedor, á súa muller, Josefina Arruty: “Traemos hoxe aquí para este acto e para a historia, para a mellor historia de Pontevedra, o nome de Josefina Arruty Viaño, a muller de Bibiano Fernández Osorio Tafall, presa durante 18 meses no cárcere de Pontevedra e outro ano e medio sometida a arresto domiciliario. A muller valente que defendeu a súa casa e a súa familia contra o vento e maré da intransixencia e do odio. A muller xenerosa e solidaria que acolleu no panteón familiar os restos de moitos fusilados”.

A emoción dos fillos de Josefina resumía o sentir de todos os familiares presentes, reflectíase na voz quebrada de Celso Milleiro cando lembraba ao seu antepasado Juan Milleiro Sampedro, axente de arbitrios executado o 12 de xullo de 1937.

“Alégrame moito que lembrase a Josefina” dicíalle ao concluír o acto, Amalia, a filla de Alexandre Bóveda a Carmiña, a filla de Osorio Tafall. Ninguén mellor que elas as dúas e os seus irmáns saben do martirio que empezou despois da morte e do exilio. Por iso o alcalde quixo tamén recordar, en homenaxe a todas as nais, a todas as viúvas, a todas as irmás e a todas as fillas, a Josefina e tamén a Custodia, irmá do concelleiro Manuel Gama, rapada e obrigada a varrer a rúa para escarnio público. Ou á súa outra irmá, Adelina, encerrada dous anos nun psiquiátrico polo terror sufrido. Tamén lembrou Lores a Amalia e a Peregrina, que tiveron que lavar a roupa das familias ben de Pontevedra para subsistir tras ser suspendido o home, o pai, Pablo Félix, de emprego e soldo. E como elas, “moitas máis que quixeron borrar do mundo e da historia e que hoxe teñen un lugar aquí, entre nós, un lugar para a honra e o orgullo”, rematou o rexedor, non sen antes recordar que as biografías de moitas delas están sendo rescatadas a través do programa municipal “A memoria das mulleres”.

Deixa unha resposta