Neste momento estás a ver Fotografías e historias de muller en primeira persoa en Santa María de Xeve

Fotografías e historias de muller en primeira persoa en Santa María de Xeve

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

O proxecto A memoria das mulleres de Pontevedra, desenvolvido pola Concellería de Patrimonio, iniciou a súa andaina en Santa María de Xeve cunha proxección de fotografías antigas de mulleres da parroquia acompañada da intervención dalgunhas das veciñas, que falaron das súas historias de vida, dos tempos antes. O acto tivo lugar o venres 21 de novembro na Casa da Cultura de Santa María de Xeve as 19.00 horas.

As imaxes que se proxectaron foron extraídas de Xeve de Memoria, co que se pretendeu establecer continuación e, algunhas outras cedidas pola asociación de Veciños de Santa María de Xeve, que garda no seu haber un fondo traballo de recollida fotográfica. Proxectáronse tamén extractos do documental O monte é nosso, de Llorenç Soler, (1978), referidos ao conflito tivo lugar en Santa María de Xeve e outras parroquias galegas polo uso e planificación que o estado franquista fixo dos montes comunais.

Finalmente, abriuse un coloquio con Carmen Solla, Isabel Maquieira e Milagros Crespo sobre a presenza das mulleres nesta loita polo monte comunal e as consecuencias que tivo para elas, así como sobre os traballos que adoitaban desempeñar.

Con esta actividade dáse a coñecer o proxecto en Santa María de Xeve e iníciase o período de recollida de historias de vida e fotografías de mulleres do rural, tal e como se viu facendo en Lérez, Ponte Sampaio, entre outras parroquias.

Deixa unha resposta