Acto ‘Mulleres e compromiso político e social’ en Pontevedra

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

Hoxe estivemos na Casa da Luz escoitando a dúas mulleres moi comprometidas con Pontevedra. Tivemos que excusar a Engracia Vidal, que non puido asistir por problemas de saúde, pero escoitámola e ollámola nunha peza audiovisual na que tamén participaron Nené González e Pilar Allegue.

Na conversa posterior, Nené González falounos de como se iniciou na loita social, á súa chegada de América no ano 1969 e con cinco fillos. A eles quería amosarlles a súa ría de Pontevedra, aquela na que ela navegara en piragua, pero o que atopou foi un monstro instalado na beira que vertía escuma marrón naquelas augas nas que ela nadaba de cativa. Foron moitos anos á fronte da Plataforma pola Defensa da Ría, colectivo do que abandonou a presidencia cando se preferiu chegar a un acordo coa factoría nunha mañá no canto de sentar no banquillo durante meses os responsables de acabar coa riqueza da ría de Pontevedra.

Pola súa banda, Pilar Allegue descubriu a loita na Universidade. Cando esta nena de familia humilde e traballadora foi estudar a Madrid converteuse en activista por opción. Chegou a perder a beca da estancia na residencia universitaria por pegar carteis. Alí foi onde espertou e onde se concienciou sobre as problemáticas do momento, para chegar despois a Pontevedra e formar parte dunha corporación municipal na que ela representaba o nacionalismo. Recoñece que tiñan uns ideais moi claros porque viñan da clandestinidade e considera que eran unha corporación moi diversa pero excepcional.

Vídeo proxectado durante o acto:

Deixa unha resposta