Acto de homenaxe ás mariscadoras

O concello de Pontevedra organizou un acto de homenaxe ás mariscadoras xubiladas do municipio, no Pazo de Mugartegui.

O acto, que se enmarca dentro das actividades que promove o programa A Memoria das Mulleres, contou coa presenza dun grupo de mariscadoras xubiladas de diferentes parroquias do concello e tivo como obxectivo o recoñecemento do labor que estas mulleres realizaron a pesar das condicións en que exerceron a súa profesión.

Herdeiras dun coñecemento extraordinario do medio en que se desenvolveron a súa actividade, o seu traballo foi un dos piares da economía do mar e contribuíu a xerar as condicións necesarias para a mellora e regulación dunha profesión non recoñecida até hai escasos anos.

O evento inaugurouse coa actuación do grupo de música tradicional Adonairare e contou coa intervención de María Xosé Cacabelos, presidenta da asociación Guimatur, quen falou sobre o oficio de mariscadora e as súas problemáticas.

Con nós estiveron 29 mulleres loitadoras, traballadoras, que souberon facer do mar o seu medio de vida e que fixeron un repaso a todos os cambios que viviu o mundo do marisqueo dende que elas comezaron a traballar.

Recordan como se iniciaron no mar sendo cativas, acudindo á praia da man das súas avoas, “descalciñas” e como, aínda que algunhas non desexaban ser mariscadoras, acabaron collendo o sacho e a cesta para sacar adiante as súas familias.

Para rematar visualizouse un vídeo-homenaxe ás mariscadoras e, a seguir, fíxose entrega dun agasallo honorífico á traxectoria das mariscadoras presentes, presidida en representación do concello por Carme Fouces e Luís Bará.

Vídeo proxectado durante a homenaxe:

Comparte!

Deixa unha resposta