Neste momento estás a ver ‘A Memoria das Mulleres’ recupera as biografías das dúas únicas mulleres fusiladas en Pontevedra
Ana Acuña e Montse Fajardo na conferencia 'A represión das mulleres despois do golpe do 36’.

‘A Memoria das Mulleres’ recupera as biografías das dúas únicas mulleres fusiladas en Pontevedra

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

O programa ‘A Memoria das Mulleres’ continúa coa súa labor de investigación para atopar historias de mulleres e seguir ampliando as biografías xa recompiladas de traballadoras, pioneiras ou represaliadas. Nos últimos meses houbo dous achádegos importantes, pois localizáronse as familias das dúas únicas mulleres fusiladas en Pontevedra: Consuelo Acuña (60 anos) e Elvira Lodeiro (28). As familias relataron as biografías destas mulleres e lembraron a “onda expansiva” que deixou o terror.

Sobre estas dúas novas biografías e outras de mulleres represaliadas en Pontevedra versou a conferencia que a xornalista Montse Fajardo ofreceu hoxe na Casa das Campás co título ‘A represión das mulleres despois do golpe do 36’. O relatorio enmarcouse dentro das actividades de ‘Novembro, mes da memoria histórica’, que están organizadas pola Concellaría de Patrimonio Histórico.

Biografías
Consuelo e Elvira foron fusiladas a raíz da queima do alboio dunha casa de Salcedo, onde se agochaban dous republicanos: Manuel Méndez Montes e José Manuel Gómez Corbacho, o home de Elvira. Houbo un soplo, e o 12 de decembro os cívicos foron á casa. Queimaron o alboio, matando aos dous fuxidos no acto, e detiveron aos donos da casa (Consuelo e o seu irmán Ramón, que eran irmáns de Manuela Acuña, a muller de Manuel Méndez, por iso o tiñan agochado) e tamén detiveron a Elvira, a muller de Gómez Corbacho. Os tres foron fusilados nos días seguintes: Ramón e Consuelo o 14 de decembro e Elvira, que dixo estar embarazada, o 19, tras levala a un médico que certificou que o embarazo era mentira.

Elvira e Corbacho deixaron dúas orfas, Pilar (xa falecida) e Manolita, que actualmente vive en Vigo. Pilar criouse na Arxentina coa irmá da súa nai e Manolita foi criada pola familia de Mauro Caballero, dono dunha imprenta e unha funeraria de Pontevedra, que estivo meses agochado nun oco da cociña da súa casa de Pontevedra para salvar a vida. As nenas nunca máis se volveron ver.

Consuelo tamén deixou un fillo orfo, un adolescente que tivera de solteira e que tiña unha discapacidade. Foi criado pola súa tía, Manuela Acuña, que naquel suceso perdeu ao seu home e aos seus dous irmáns.

Outros perfís
O programa municipal ‘A Memoria das Mulleres’ tamén rescatou nestes últimos meses outros perfís, como o de Olivia Tomé, a Rangha, membro dunha familia moi represaliada e que foi rapada polos cívicos, ou os das viúvas do 12 de novembro. Entre estes, atópase o de Matilde Caamaño, que tras ser expropiado o sanatorio do seu home, o doutor Amancio Caamaño, que ademais acollía o fogar familiar, marchou para Santiago e converteu a súa casa de Compostela nunha pensión para saír adiante.

Deixa unha resposta