A memoria das mulleres na escola: presentación de traballos

A avoa de Sainza comezou a carreira de avogada ao mesmo tempo que o seu fillo. De nova non puidera estudar, porque era unha nena cando tivo que entrar a traballar na fábrica.

Saladina Costas tiña que andar cada día uns cinco quilómetros coa máquina de coser na cabeza, polos camiños de Pontevedra, para gañar uns cartiños como costureira, e Mari Carmen Pintos Muíños ía no camión de leite ao seu primeiro destino como mestra de párvulos. Esther Casalderrey deixou Lérez para coser durante once anos nun taller dos Campos Elíseos, e chegou a vestir ao presidente de República, a Catherine Denueve ou ao mesmiño coronel Gadafi. E na Moureira, onde Josefa Barcia aprendía as artes da conserva de peixe, a nai de Ramona Domínguez enfrontábase unha e outra vez cos cívicos que ían buscar a Maximino Domínguez, o seu home, e ao seu irmán Rafael, que durante tres anos estivo agochado nunha cheminea.

Estas e moitas outras biografías de mulleres do común de Pontevedra foron sacadas do anonimato polos alumnos dos centros de ensino participantes no programa “A memoria das mulleres na escol”, e presentadas na Casa das Campás o xoves 16 de outubro.

Os centros puxeron en marcha distintas actividades na procura desa memoria descoñecida. No CEIP San Martiño, explicou a mestra María del Puerto Garrido, o alumnado de Infantil fixeron un mural coas imaxes das mulleres máis importantes das súas vidas mentres que os de Primaria e Secundaria participaron nun concurso de redacción, contando nos traballos as biografías dalgunha muller do seu entorno.

O alumnado do CEIP San Benito de Lérez, entre outras iniciativas, participaron no programa radiofónico Ponte nas Ondas cunha interesantísima entrevista a Esther Casalderrey, a costureira de París, que pode escoitarse íntegra na web do programa. (http://www.pontenasondas.org/gl/directo)

E nos CIFP A Xunqueira e Carlos Oroza recolleron ducias de biografías de pontevedresas, ademais de numerosa documentación, sobre todo vellas fotografías.

En A Xunqueira, segundo explicou a súa mestra, Luisa Fernanda, decantáronse por mulleres relacionadas cos ciclos que se imparten no centro, como Isabel Esteban, primeira catedrática en electrónica, ou “Mama Chiña” mestra de educación infantil, entre outras ducias de testemuñas que A Xunqueira agrupou en cinco seccións: mulleres vinculadas á electrónica, o automóbil ou a carpintería; empresarias deste sectores, moi masculinizados; as primeiras mestras coa especialidade en Educación Infantil, mulleres dedicadas ao coidado dos maiores e mestras do propio centro. Luisa Fernanda asegurou que rescatar as súas biografías fora “unha experiencia moi emocionante” que o centro vai continuar este curso, prestando especial atención ás mulleres que sufriron represión tras o alzamento do 36.

Tamén no Carlos Oroza, segundo explicou a docente Tareixa Casal, vincularon a actividade á formación específica en guía, asistencia e formación turística que se imparte no centro, e tras entrevistar a ducias de mulleres do barrio mariñeiro de A Moureira, fixeron unha visita guiada pola zona, coas biografías femininas como fío condutor. “As cidades sempre se coñecen a través da historia dos homes pero agora Pontevedra tamén se explica a través das historias das mulleres do común”, dixo.

Foi so unha primeira pincelada do que pretende conseguir o programa, que continúa este curso, con máis actividades e máis centros. Luis Bará, concelleiro de Patrimonio Histórico, explicou na Casa das Campás que o puxo en marcha empurrado pola necesidade de paliar a carencia sobre temática feminina existente nos libros de historia: “As mulleres estiveron e están excluídas en moitos ámbitos e recoller a memoria oral é imprescindíbel para sacar á luz esa historia oculta, ese traballo tan importante para a medra social que fixeron as mulleres, moitas veces sen recoñecemento e sen remuneración sequera”. Bará destacou a importancia de que as administracións, xunto ás obras, realicen ademais esta labor inmaterial vinculada aos sentimentos, e comprometeuse a seguir traballando na recollida de documentación e memoria viva, sobre todo das mulleres proletarias, as máis esquecidas, para incluila nunha gran enciclopedia de mulleres pontevedresas. Un traballo para o que, asegurou, “é unha enorme sorte contar coa achega dos centros de ensino”.

Agradecemos aos centros de ensino participantes o seu marabilloso traballo e tamén queremos facer un agradecemento especial a Ramona Dominguez, Josefa Barcia e Esther Casalderrey por acompañarnos neste acto.

Comparte!

Deixa unha resposta