Lourizán, 1949 - Mariscadoras de Lourizán

Dedicada toda a súa vida á ribeira, Pilar lembra a dureza que supuña traballar no marisqueo por entón, onde comezou con dez ou once anos. Tivo que elixir entre a ribeira e a escola, onde as monxas a obrigaron a escoller ou unha ou outra. Os pais quitárona da escola e ela buscou tempo para asistir ás aulas particulares que se impartían de noite e aprender a ler e escribir.

Aprendeu a traballar na ribeira coa irmá arrimándose ás persoas maiores, que lles berraban porque pisaban os buratos. Acabaron por defenderse moi ben no oficio nunha ribeira moi rica e con abundancia de mariscos e peixes, riqueza que desapareceu coa chegada de ENCE. Os homes traballaban normalmente desde as chalanas, as mulleres mariscaban sobre todo a pé. A praia de Lourizán era moi produtiva e a ela acudía xente de moitos lugares, por mar, por terra… até ían andando desde Campelo e Lourido.

Para Pilar o traballo na ribeira era como unha terapia de psicólogo. Na ribeira era feliz e conseguía esquecer as penas. Con todo, bota en falta que daquela as mariscadoras non estaban aseguradas, nin había garderías. Moitas veces tiñan que recorrer á axuda de familiares para coidaren dos fillos.

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email