Milagros Crespo Boga

Milagros aprendeu a coser coa súa nai, Marina. Erguíanse xuntas e comezaban a coser ás seis da mañá. Ás sete facían un descanso, comían un anaco de pan de millo, “poñían unha copiña de augardente encima” para espantar o frío e seguían cosendo ata as oito, cando Marina ía muxir as vacas para despois Milagros e o irmán as levaren ao monte. Ás nove e media, coas vacas mantidas, a nena e o seu irmán ían á escola mentres Marina saía ao xornal, na casa da profesora da súa filla, dona Enriqueta.

A mediodía, Marina, en lugar de descansar, ía lavar a roupa ao río ou ocupábase doutros quefaceres da casa. Moitas tardes Milagros e o irmán ían coller piñas ao monte para que a súa nai as levase vender a Pontevedra.

Con esta rutina pasaron os anos e Milagros acabou por facer da costura o seu oficio. Sempre desde a casa, confeccionaba camisas, buzos, monos, calzóns, sabas, mandís… “Fixen de todo, non creo que haxa cousa que non fixera”. Unha vida enteira ao pé da máquina, sen horario, sen cobertura social, sen descanso e onde recibiu moitas mozas da parroquia que quixeron aprender con ela este oficio.

Autoría: MAOS Innovación Social

Biografía de Milagros Crespo Boga

Descargar

Biografías Relacionadas