Santo André de Lourizán, 1941 - Mariscadoras de Lourizán
  • Biografia
  • Audios
  • Videos

María Castro Esperón, naceu en 1941, no “tempo da fame”, en Santo André de Lourizán. Traballou toda a vida na ribeira, mariscando. Xa a nai, que andaba “ao burato”, a levaba canda ela nunha cesta de vides.

Da escola lembra que non a quixeron até os 7 anos, xa antes diso ía á ribeira aos caramuxos pola Pedra Froxán, aínda que cando foi un pouco máis grande xa pasou a mariscar co sacho. Conta que daquela a ribeira era libre, viña xente de todas as partes, mesmo de Cambados ou de Arcade cando había moita ameixa babosa. A cantidade de marisco que hai hoxe na ribeira non é nada comparado co que había antes. Segundo María a barra, a praia, quitou moita fame a xente da parroquia e de fóra dela. Para ela mesma, viúva e con fillos, a ribeira foi a súa táboa de salvación para poder sacar adiante a súa familia: “Non había ribeira tan produtiva como a de Lourizán”.

Desa ribeira ten ben gardados na memoria os nomes das distintas zonas e como foron desaparecendo a praia e algúns ríos onde ela mariscaba de pequena como consecuencia da construción da autovía e de ENCE.