Dolores Sartal Villar

Dolores Sartal Villar é natural de San Xoán de Poio pero, cando casou con 19 anos, cambiou a súa residencia para Os Praceres, onde reside a día de hoxe.

Dolores comezou a traballar desde moi nova, cando tiña aproximadamente 11 anos. Non tiña moitas outras alternativas sendo a maior de sete irmáns. Nos días de choiva, cando non podía ir traballar, ía á escola pero non era unha prioridade.

Ao longo da súa vida desempeñou varios oficios: estivo uns anos a plantar pinos no monte, de empregada na fábrica Mosquera de Combarro, e despois tamén nas mexilloeiras, labor que alternaba co marisqueo. Xa nos Praceres dedicouse en exclusiva ao marisqueo. O primeiro soldo que recibiu foi de tres pesetas pero, animada pola mellora salarial que supuña, cambiou de traballo para a fábrica de Mosquera, en Combarro, onde pasou a cobrar sete pesetas. Nesta fábrica alternaba as tarefas da fábrica coas de mexilloeira nas bateas, labor que estaba mellor pagado.

No tempo en que foi mariscadora abundaban nos Praceres os mariscos: ameixa fina, ameixa babosa, berberecho, caramuxos, arolas e mesmo navallas… Ían descalzas e sen roupa adecuada pero era moita a abundancia e puideron gañar bastante diñeiro. Consciente da importancia da ribeira para a zona, participou activamente na súa defensa mentres estaba en activo. Na actualidade a situación das mariscadoras cambiou moito. Algúns aspectos para mellor e outros non tanto, pero ela segue a ser mariscadora e, aínda que agora estea xubilada, defender a ría e o traballo das mariscadoras converteuse nun principio.

Biografía de Dolores Sartal Villar

Descargar

Biografías Relacionadas