María Luísa Olañeta Barros

Sesenta e tres anos vendendo lamberetadas a xeracións e xeracións de crianzas pontevedresas. María a do Carrillo é moito máis ca unha faciana do noso comercio, foi unha cómplice para esa rapazada que se achegaba ao seu quiosco na praza da Ferraría na procura dun chisco doce. Pero tamén para moita xente maior que ía xunto a ela buscar tabaco con gusto americano, e incluso mercar o que ela chamaba “con…”, cando a moitos lles daba vergoña achegarse a mercalos a unha farmacia.

María Luísa Olañeta Barros viu como a xente lle cambiaba o nome ao vela antes de ter ese quiosco vendendo cun carriño —tres chegou a ter— que gardaba cada noite no Gran Garaxe para, ao día seguinte, ir polas rúas vendendo as súas lambonadas.

Ao comezo dos anos oitenta fixou a venda no quiosco da Ferraría, un espazo no que estaba moi a gusto e no que pedía que lle deixaran morrer. Moita daquela xente miúda aínda hoxe a lembra afundida entre ‘pipas, pajitas ou gominolas’ acompañada do seu xenio. Nos anos noventa falaba mellor da rapazada de antes: “Eran uns santos. Agora para aguantalos, véxome negra. Gastan máis cartos, pero son máis difíciles de aturar”.

Autoría: María Xesús López Escudeiro

Esta biografía forma parte da Exposición ‘Do Gris Ao Violeta’

Biografía de María Luísa Olañeta Barros

Descargar

Biografías Relacionadas