Ernestina Otero Sestelo

Ernestina Otero Sestelo dedicou a súa vida a formarse como profesora e a compartir co seu alumnado a súa paixón polo ensino. Firme defensora dun modelo educativo renovador e dos dereitos da muller, a súa vida divídese entre os moitos logros profesionais alcanzados durante a II República e as persecucións e represalias contra ela e a súa familia no franquismo por causa das súas ideas.

Ernestina Otero naceu en Redondela en 1890, no seu dunha familia da que é a maior de sete irmáns. En Redondela realiza os seus estudos primarios para despois, de 1904 a 1908, trasladarse a Pontevedra, onde cursa Maxisterio na Escola Normal e obtén o grao de “Maestra superior” coa cualificación de Sobresaliente.

De carácter non conformista, ao ano seguinte trasládase a Madrid e ingresa na Escuela de Estudios Superiores del Magisterio, dedicada á formación especializada do profesorado das Escolas Normais e Corpo de Inspectores de primeiro ensino. Desta institución pioneira, Ernestina recibe unha formación marcada pola innovación metodolóxica e polo seu sistema organizativo, cun programa de materias altamente especializado. Nesta etapa establece relacións coa xente da Institución Libre de Enseñanza e integra no seu modelo educativo as ideas progresistas que promoven en materia pedagóxica.

En 1913 remata os seus estudos na sección de Ciencias e, a nivel persoal, axiña contrae matrimonio co boticario Luís Pereira Míguez. Pouco despois, en febreiro de 1915, accede por concurso de méritos á praza de Profesora de Pedagoxía da Escola Normal de Pontevedra, cidade na que participa activamente da súa vida cultural e social.

Coa proclamación da II República ábrense novas oportunidades para a renovación do sistema educativo e do profesorado. As autoridades educativas confían na valía de Ernestina Otero e involúcrana en numerosas iniciativas e mesmo chega a ocupar durante un tempo a dirección da Escola de Maxisterio (Escola Normal). Nesta altura tamén asume a Presidencia do Consejo Provincial de Primera Enseñanza, do que forma parte durante case que catro anos.

A través destas responsabilidades, Ernestina transmite aos e ás docentes a formación humanista que recibe da Escola de Libre Enseñanza. Para alén diso, Ernestina foi tamén moi consciente da realidade de Galiza e fomentou o estudo e a investigación da súa historia, xeografía e cultura. En febreiro de 1933 asina o manifesto en favor do Estatuto de Autonomía de Galiza sendo ela, xunto con María Cruz Pérez, as dúas únicas mulleres.

Este período de recoñecemento da súa valía profesional acaba co levantamento militar de 1936, cando comezan as denuncias e persecucións, contra ela e contra a súa contorna familiar e de amizades. No mes de novembro suspéndena de emprego e soldo e aparece na primeira lista de depuración do distrito universitario de Santiago, xunto a Castelao e Tafall entre outros. En xuño do ano seguinte falece o seu home, vítima das humillacións e agresións físicas, e dez días máis tarde publícase no BOE a orde pola que é separada da súa cátedra. Volve para Redondela, onde vive de dar pasantías. As represalias non cesan e parte do diñeiro que gaña ten que destinalo a pagar as multas que lle chegan. Con todo, Ernestina era unha muller de fortes conviccións que se transmitiron ao longo da súa vida en forma de solidariedade e axuda aos presos políticos e ás súas familias.

Unha vez finalizada a guerra e após a revisión do seu expediente, é reposta no seu cargo pero trasládana á Normal de Ourense e inhabilítana para cargos directivos. Non será ata 1951, grazas a un concurso de traslados, que volve a Pontevedra. O 13 de febreiro de 1956 falece repentinamente en Redondela.

Tamén existe unha publicación sobre Ernestina Otero, con textos de Manuel Puga Pereira.

Biografía de Ernestina Otero Sestelo

Descargar

Biografías Relacionadas