• Biografia
  • Audios
  • Videos

Dolores Calviño foi a Señora Lola. Dicir iso en Pontevedra é moito dicir. É falar dunha paixón, pero tamén dunha devoción, e dun traballo escuro, aínda que ela sempre buscaba luminosidade nas roupas daqueles que tanto quixo, os xogadores do Pontevedra C.F.

A ese club consagrou corenta anos de traballo, de dedicación como unha gran nai galega. E así saíu ao balcón do Concello para celebrar o ascenso de 1984 entre berros de “Que saia a nai dos xogadores”. Naquel imperio de homes, ela brillaba coma unha raíña. Nese eido do fútbol, tan afeito a traizóns, a idas e fuxidas, a soberbias banais, ela era a sinceridade e a honradez, e o traballo dunha muller sen a que roer osos sería moito máis complicado.

No ano 1941, cando se fundou o Pontevedra, ela xa estaba alí. Tamén estivo na Puentecilla, e en Soutelo de Montes, cando unha banda de música e gaiteiros se achegaron para recibir o equipo trala xesta inesquecíbel.

Centos de anécdotas con Cholo, Calleja, Cobo ou Batalla… pero tamén con Rial, Puskas, Amancio ou Santiago Bernabéu pecháronse no peito granate desta muller que traballou en silencio para que os seus rapaces estivesen ben bonitos cando saían ao campo.

Autor: Ramón Rozas | Esta biografía forma parte da Exposición ‘Do Gris Ao Violeta’