Carmen Durán Constenla

De nena axudaba a súa nai, Paca, a carrexar as cestas dos vexetais que vendía na Praza da Verdura. Desde a rúa de San Román, onde vivía, ía lavar ao río coa tina na cabeza.

De casada, traballa como revisora na empresa do seu marido, Autocares Cándido.

Muller pioneira no mundo do transporte, logo do pasamento do seu home, con 38 anos e 3 fillas (o 4º naceu meses despois), toma as rédeas da empresa, que se converte en Autocares Vda. de Cándido. Nunca deixou de asistir ás feiras (era a empresa que máis autorizacións tiña). Traballou arreo, subía ao autobús enferma e accidentada, chegando a andar de xeonllos porque a escaiola non lle permitía sentarse. Xestionou a empresa e non dubidou en exercer o estraperlo, e en Pedre enfrontouse á Garda Civil na defensa dunha muller que levaba café.

Muller emprendedora, instalou unha froitaría na parte dianteira do garaxe, onde vendía os produtos que mercaba nas aldeas. Tiña moitas amizades e polo seu local pasaban persoeiros da esquerda pontevedresa como Celestino Poza.

Muller xenerosa e solidaria, recollía nas paradas pola montaña (traxecto Pontevedra-Lalín) os paquetes enviados polos familiares á xente que estaba no cárcere e ela mesma ía entregalos.

Carmen Durán, malia a súa enerxía e afouteza, foi un exemplo máis de anonimato, e no mundo empresarial agochou a súa identidade baixo o nome de Vda. de Cándido.

Autoría: María Xesús López Escudeiro

Esta biografía forma parte da Exposición ‘Do Gris Ao Violeta’.

Biografía de Carmen Durán Constenla

Descargar

Biografías Relacionadas