Aurelia Blanco Blanco

Aurelia tiña un corno de mar (ou buguina) que facía soar para enviar diversos avisos e así ficou coñecida na memoria colectiva de Santa María de Xeve como Aurelia a do Corno. Tamén ficou para a nosa historia común como a muller coa que dá comezo o documental ‘O monte é noso’ (1978) de Llorenç Soler, e onde nos explica como quedaron “sen agua, sen monte e sen ovellas” cando as autoridades pecharon o monte, prohibindo os usos comunitarios e promovendo as plantacións de eucalipto, como fuxían do garda que o vixiaba e a multa que tivo que pagar porque as súas ovellas e cabras pastaran onde o fixeran toda a vida.

Ela mesma di no documental que chamaba co corno para dar aviso para pastar os tres rabaños que había en Santa María de Xeve. Tiña outros usos, non todos confirmados, un deles era que o facía soar para informar a veciñanza que chegaban a cobrar a renda das fincas os señores de Gondar, propietarios de case todas as terras da zona. Outro uso era para avisar de traballos comunitarios, como podía ser para xuntar os que tiñan que limpar os regos que levaban a auga polas terras dos de Gondar ou para arranxar os camiños. Dise tamén que tocaba o corno cando viña o peixe de Pontevedra aos Fontáns. Coidaba tan ben o seu corno, mesmo tapando os buracos con cera de candea, que aínda se conserva. Sendo xa maior deixou de tocalo. Dise que outra xente tentou facelo, pero que ninguén o facía como Aurelia.

Como a maior parte das persoas do lugar, Aurelia traballaba na casa, no campo e no monte e non era propietaria, tiña arrendadas fincas dos Gondar e pagaba dando unha parte da súa colleita. Chegou a traballar nas plantacións de eucalipto. Tamén como moitas outras mulleres da zona, foi nai solteira. O pai do seu fillo, Pepe, era un veciño, Desiderio, que viviu sempre ao lado dela e co que mantivo unha relación cordial pero que nunca exerceu de pai e que non a axudou. Aurelia vivía con outra irmá, Adolfina, que non casou nin tivo fillos.

Autoría: MAOS Innovación Social

Biografías Relacionadas