Mariscadoras de Lourizán
  • Biografia
  • Audios
  • Videos

Adolfina Moledo Esperón traballou toda a súa vida de mariscadora, oficio que aprendeu de seus pais e que lle permitiu sacar adiante os seus tres fillos aínda cando ficou viúva. Natural de Lourizán, viviu toda a súa vida nesta parroquia.

O traballo de Adolfina na ribeira comezou cando ela tiña entre 12 e 14 anos e mantívoo ata que se xubilou. Viviu o esplendor dos tempos da abundancia da praia, cando viñan de todos os lugares da contorna buscar o marisco para vender ou para comer, nun tempo marcado pola escaseza: “Ías co corpo e viñas comida e con cartos para a casa”. Fuxiu nas noites da veda para que non a pillaran “á roubeta”. E traballou de todo o que tivo que traballar: ir á leña, lavar ao río, buscar auga… pouco tempo quedaba para brincar. Foi á escola das monxas até que comezou o seu labor de mariscadora.

Para Adolfina a ribeira foi o seu sostén e dos seus, da parroquia de Lourizán e de moitos outros lugares. Defínea como a industria dos pobres e dos ricos, que os ricos tamén ían, e gaba as espléndidas cualidades da praia, das mellores de Galiza. Defendeuna toda a súa vida e sempre que houbo conflitos estivo presente para garantir o seu pan e o das xeracións futuras. Hoxe en día reclama maior atención para a ribeira e deféndea como unha oportunidade de traballo para a xuventude.