Consuelo Pastrana

Consuelo Pastrana era a nai de Luís Poza Pastrana, asasinado o 12 de novembro de 1936 aos 27 anos. Ela fora con outras mulleres a Burgos, pedir o indulto. Dixéronlles que llo concedían pero cando chegaron estaban mortos. Outro fillo de Consuelo, Celestino Poza Pastrana, foi retido en San Simón co seu pai, do que Consuelo estaba separada.

Vivía co temor constante ás sacas nocturnas na illa. Algunha vez advertíronlle que estaban na listaxe dos que ían asasinar ao día seguinte e ela fixo xestións con falanxistas amigos da familia para que esa noite os trasladasen a cárcere de Pontevedra, librándoos do “paseo”.

Tino e o seu pai salváronse pero Consuelo non puido facer nada para evitar o fusilamento de Luís. Sempre pensou que nese asasinato pesou máis a envexa profesional que o feito de que fose o secretario do Partido Galeguista, pois a súa implicación política era menor que a doutros membros da familia que salvaron a vida, como Celestino pai, que fora deputado nas Cortes por Izquierda Republicana. Por iso Consuelo chegou a enfrontarse co médico ao que consideraba instigador do crime, chamándolle asasino na Praza da Peregrina. El baixou a cabeza e seguiu andando.

A persecución sobre a súa familia nunca cesou. En 1947 morreu a súa filla Electra e non a deixaban enterrar no panteón familiar por negarse a facerlle cerimonia relixiosa. Por fin conseguiron enterrala, como era o seu desexo, no cemiterio civil, afastado por un muro do camposanto.

Autora: Montse Fajardo

Aparece tamén na publicación Homenaxe ás mulleres represaliadas e resistentes de Pontevedra

Biografía de Consuelo Pastrana

Descargar

Biografías Relacionadas