Rita Sobrido Allés

Rita era moi nova cando a súa irmá Nieves finou no decembro de 1932, deixando orfas a cinco criaturas, o maior con oito anos e a pequena de dous meses. O último fora un parto difícil, adiantado tras sufrir Nieves unha caída, e a nena, Isolina, ou Solita como lle chamaba a xente, naceu cunha discapacidade. Daquela era costume que o viúvo casase cunha das irmás da finada e iso foi o que lle pasou a Rita. Casárona co mestre Germán Adrio, director do colexio X de Pontevedra, e durante un tempo deu alí aulas de párvulos. Mais todo mudou en 1936, cando o seu home foi condenado a morte tras participar na defensa da II República que desde o concello se realizou o 20 de xullo, no van intento de que non triunfase o golpe de Estado.

Fusilárono con 48 anos, o día 12 de novembro de 1936, xunto a outros nove destacados republicanos de Pontevedra. Daquela a maior das fillas, Nieves Adrio Sobrido, xa era unha moza, e tivo que agocharse na casa da avoa materna, en Vilagarcía, para evitar a rapa. Mestra de profesión, como o seu pai, foi depurada e estivo dez anos sen pisar a aula. Ademais casou con Manuel Gamallo Lois, que traballaba no hospital doutro dos fusilados o 12 de novembro, Amancio Caamaño. Manuel librou da morte mais estivo varios anos preso polo seu compromiso coa II República como concelleiro en Cerdedo.

Para sacar adiante a familia, Rita puxo un taller de bordado, axudada por outra das orfas de Germán, Maruja, e entre todas conseguiron que o único varón, Germán Adrio Sobrido, puidese rematar os seus estudos de Medicina. Conseguiron tamén que o taller de bordado se convertese nun punto de encontro das mulleres de moitas outras familias represaliadas de Pontevedra, como a Paz ou a Poza.

Autora: Montse Fajardo

Na publicación As familias do 12 de novembro pode encontrarse máis información.

Biografía de Rita Sobrido Allés

Descargar

Biografías Relacionadas