Otilia Meis Pintos

Otilia Meis foi unha das pontevedresas que amosou o seu respaldo á II República baixando o 20 de xullo de 1936 desde Mourente para defender o Goberno Civil e o Concello dos militares golpistas. Pero xa antes amosara o seu respaldo ás ideas do pai, Ramón Meis, presidente nos albores da Sociedade de Agricultores da parroquia e destacado membro do Partido Socialista. Tras o triunfo do golpe, Ramón é asasinado e o seu cadáver nunca aparece. Otilia é detida e sometida ao castigo sexista da rapa. Tamén pasa polo cárcere o seu irmán Ramón, que aquel verán cumpría o servizo militar en Palma de Mallorca, acusado de pertencer á célula comunista de Mourente.

Otilia foi detida o 7 de outubro de 1936, ás dúas da madrugada. Acúsana de estar na Alameda resistindo o golpe e tamén de ocultar armas. Cos anos, o seu fillo Ramón atopará un par de pistolas e municións que ela lle agochara a Albino Sánchez, o Perrita, fusilado en febreiro do 37. Segundo conta o historiador Xosé Álvarez Castro, o día da detención un dos gardas quería sacala de casa co viso que usaba para durmir, pero impediuno a intervención dun superior. Durante a súa estadía no cárcere coñeceu a María Vidal, detida pola súa relación coas irmás Martínez, as Corseteiras, que estaban vinculadas ao Socorro Rojo. Ao saír foi vivir con ela á súa casa dos Soportais. Alí casou con Ramón Estévez, tamén represaliado, e alí criou os tres fillos.

En 1967, e por razóns que se descoñecen, asasinan o seu irmán, José Meis Pintos, e a raíz do suceso volve ser detida e interrogada con malleiras, xunto á súa irmá Consorcia, a súa sobriña Carmiña e a propia María.

Autora: Montse Fajardo

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.

Biografías Relacionadas