Pérsida Riveiro Tomé

“Pérsida era unha irmá solteira de Saladina. Viviu aí nesa casa e pasou moito naquela época. Dicían que coa defunta de Pérsida se meteran moito, horrible, que ían de noite… non sei; nós eramos rapazas, non facías caso e ademais ocultábase moito, pero dicían que os cívicos lle deran moi mala vida, que lle pegaban, non sei…”.

O testemuño desta veciña do Pazo, na parroquia de Mourente, fala de moitas historias de represión contra as mulleres que quedaron sepultadas no esquecemento por causa do silencio que o terror impuxo. Rescata un nome, Pérsida Riveiro Tomé, e unha historia escoitada de nena sen facer demasiado caso. Confirma o seu testemuño a propia sobriña de Pérsida Riveiro Tomé, mais tampouco pode engadir demasiado a ese silencio. Que a súa tía foi rapada como a súa nai, Saladina Riveiro. Que as dúas irmás foran subidas a un camión, con outras mulleres da parroquia como Celia Reboredo, a Ghimarana, ou Argentina Villaverde, a Feliciana. Que as levaran ao cuartel do Campo da Feira para ser sometidas á tortura da rapa. Que eran das esquerdas.

A memoria da veciñanza gardou que as vexacións contra Pérsida se repetiron despois, nas visitas que gardas, cívicos ou falanxistas, facían con total impunidade ás mulleres de familias republicanas nas noites do terror.

Nas noites das que non se falaba.

Autora: Montse Fajardo

Biografía de Pérsida Riveiro Tomé

Descargar

Biografías Relacionadas