Pontevedra, 1914-1996
  • Biografia
  • Audios
  • Videos

Nieves Adrio Sobrido era mestra coma o seu pai, Germán Adrio Mañá, director do colexio “X” de Pontevedra e un dos dez fusilados o 12 de novembro. Nieves, que tiña tres irmás pequenas e un irmán, foi denunciada polo cura de Ponteareas, onde daba clase, e para evitar a rapa tivo que agocharse en Vilagarcía, na casa materna da súa defunta nai, Nieves Sobrido, e da irmá desta, Rita, que casou con Germán tras morrerlle a muller dous meses despois do quinto parto, o da pequena Solita, cando Nieves só tiña oito anos.

O agocho evitoulle a rapa pero non ser afastada das aulas. De regreso a Pontevedra, púxose a dar clases particulares para axudar a súa tía Rita, que para saír adiante montou un taller de bordado onde tamén traballaba outras das fillas de Germán, Maruja. Maruja tamén renunciou a exercer como mestra para ocuparse do coidado da pequena Solita, nacida cunha discapacidade.

Nieves non regresou ás aulas ata unha década despois do golpe. En 1946 foi mestra en Corbillón, no concello de Cambados, e despois de pasar polas escolas de Rouxique e Valongo, foi destinada a Xeve. Era 1948, o ano do seu casamento co practicante Manuel Gamallo, que en 1936 exercía no sanatorio de Amancio Caamaño, a quen fusilaran na mesma data que a Germán. Gamallo fora concelleiro en Cotobade e tras o golpe estivo detido en San Simón e Ezkaba. Pero foi tan fonda a represión, que nin el nin Nieves lle falaron do que pasara á descendencia e a súa filla, Nieves Gamallo, non descubriu que estivera preso ata que morreu e un compañeiro do cárcere navarro llo contou no velorio.

Autora: Montse Fajardo

O PDF que se pode descargar a seguir achega información sobre Nieves Adrio.

Biografías relacionadas