• Biografía
  • Audios
  • Videos (1)

No verán do 36, Fina Dios tiña 21 anos e acababa de rematar os seus estudos de Maxisterio. A primeira vez que pisou as aulas como mestra tiña 63 e xa estabamos en democracia. O franquismo afastouna para sempre da súa profesión polo seu apoio ao Socorro Rojo Internacional, do que o seu irmán era secretario de Axitación e Propaganda. Mirucho Dios Vázquez, tamén vicepresidente do Partido Socialista en Pontevedra, foi detido, torturado e asasinado na madrugada do 3 de setembro de 1936. Fina foi a última persoa que o viu con vida. Levoulle ao cárcere a cea sabendo que esa mesma noite ían sacalo. Foi tal a ansiedade, que ao saír golpeou os gardas.

Días despois chegaba unha partida á casa familiar de Salcedo para levala detida xunto a súa irmá, Tucha, tamén mestra depurada, e o seu pai, Antonio Dios. A súa nai, Josefa Vázquez, cortoulles a trenza para evitar que os fascistas, que xa anunciaran a rapa, lles quedaran co pelo. Fina gardou a guedella para sempre. Ao chegar á cela deixáronlle o resto a cero e estiveron detidas un mes, ata que o seu tío Edelmiro Vázquez, dono coa señora Pepa da fábrica do Ferreiro do Pino, pagou unha cuantiosa suma de cartos. O seu pai, Antonio Dios, permaneceu preso durante catro meses máis ata que se puxo gravemente enfermo. Xa a noite que lle mataron o fillo, deitárase co pelo sen unha soa cana e levantárase con el totalmente branco.

Tras pasar polo cárcere Fina comezou a padecer un terrible insomnio que xa nunca a abandonou.

Autora: Montse Fajardo

O PDF que se pode descargar a seguir achega información sobre Fina Dios.

Biografías Relacionadas
Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email