• Biografia
  • Audios
  • Videos

A xastra María Luísa Rodríguez Pereira, coñecida en Lérez como A Chinita, foi detida varias veces tras o golpe de Estado. Daquela tiña dezanove anos e, segundo a súa familia, militaba nas Xuventudes Socialistas. A pesar de ser tan nova, participou activamente na defensa coordinada desde o goberno civil e, de feito, foi encausada xunto outras mulleres, como Elvira Lodeiro, María Fandiño, Lola Lois ou Emma Mourón, por delito de rebelión. Acusáronas de intentar secuestrar as mulleres de varios militares, e nin a absolución destes cargos impediu que A Chinita entrase e saíse do cárcere ata tres veces, ademais de sufrir a aldraxe da rapa.

Para conseguir a súa liberdade definitiva, a súa nai, Rosalía Pereira, quen tamén tivo preso ata 1940 o seu fillo, José Rodríguez Pereira, tivo que pagar unha gran cantidade de cartos. E eran tan malas as condicións en que estaban as presas que, nunha das excarceracións, María Luísa tivo que ser ingresada de urxencia no hospital debido ao seu estado de saúde e á terrible perda de peso que sufrira.

Autora: Montse Fajardo