• Biografia
  • Audios
  • Videos

María Domínguez non naceu en Pontevedra. A súa vinculación coa cidade chega en outubro de 1909, cando casa con Secundino Couto Solla, veciño de Mourente que no momento do golpe de Estado ocupaba a alcaldía de Ponte Canedo, concello posteriormente anexionado a Ourense. Alcumado O Canteiro, porque esa era a súa profesión, foi un dos fundadores do socialismo vigués, aínda que a súa conversión en empresario –que mesmo o levou a presidir a patronal-, rompeu a súa vinculación co PSOE e en 1930 vinculouse co Partido Radical, chegando a ser presidente.

Tras o golpe de Estado é deposto da alcaldía e detido, confiscándolle todos os bens familiares por valor de 470.000 pesetas, toda unha fortuna. Está detido en Ourense e Celanova e os franquistas aproveitan o seu bo facer como canteiro para condenalo a traballos forzados, entre outros, na rehabilitación do mosteiro de Oseira.

Os primeiros días sen novas do seu home fan vivir un auténtico calvario a María, ás súas dúas fillas e aos dous fillos. O maior, Luís, percorre as gabias na procura do cadáver do seu pai, ao que dan por morto. É el quen se fai cargo da empresa familiar pero axiña é chamado a filas e se María e a súa familia poden saír adiante é grazas ao apoio dos traballadores da fábrica-almacén de materiais de construción, que Secundino montara e agora estaba en mans alleas.

A persecución da familia prolóngase durante décadas. En 1953, Secundino é levado diante do Tribunal especial de represión da masonería e o comunismo pola súa vinculación cunha loxa masónica de Barcelona, sendo condenado a doce anos.

Autora: Montse Fajardo

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.