Lola Rey

O seu pai, Arturo Rey, fora tenente de alcalde naquela corporación saída das primeiras eleccións municipais da II República, celebradas en 1931 e que sentaron na alcaldía a Bibiano Fernández Osorio-Tafall. Levaba dous anos finado cando foi do golpe pero iso non librou a súa familia do terror. O seu fillo Benigno, que era mestre, foi fusilado aos 27 anos, o 12 de novembro de 1936, xunto a outros nove notables republicanos que, dun xeito ou doutro, participaran na defensa da lexitimidade saída das urnas, desde o Goberno Civil ou desde o Concello. Non hai constancia de que Benigno Rey Pavón militase en partido ningún, nin formou parte do Comité de Defensa da República, pero participara na repartición de armas e, como os outros nove, foi xulgado o 30 de outubro de 1936, acusado de participar en reunións clandestinas con elementos masónicos, espiritistas e políticos de extrema esquerda.

Tamén foron detidas a súa nai, Sofía Pavón, os seus irmáns Xulio e Arturo e as súas irmás Fefa, Teresa, Sofía e Lola. A partir de aí, e debido ás vexacións sufridas no cuartel, Lola sufriu doenzas psíquicas, que mesmo a levaron a saltar desde o balcón da súa casa dos Soportais. Preto dela vivía Otilia Meis, tamén detida polos franquistas, e a quen ademais lle mataran o pai, o socialista Ramón Meis. Da impresión de vela caer, Otilia perdeu o bebé que esperaba.

Lola sobreviviu pero ata o fin da súa vida padeceu secuelas psicolóxicas e a memoria de Pontevedra aínda a lembra levantando a saia no Carabela, ata que alguén avisaba na reloxería da súa familia, para que a foran recoller.

Autora: Montse Fajardo

[Máis información na publicación ‘As familias do 12 de novembro‘]

Biografía de Lola Rey

Descargar

Biografías Relacionadas