Leonor Sobral Acuña

A Leonor Sobral Acuña non se lle coñece militancia política ou sindical ningunha naquela II República en que as mulleres foron por vez primeira consideradas cidadás, e non só fillas, nais ou esposas. Pero pertencía a unha familia republicana de Salcedo e, tras o golpe, foi rapada e asasinaron o seu irmán Abelardo, mestre de canteiros. Abelardo Sobral marchara a vivir a Postemirón despois da súa voda con Hermosinda Lamoso, veciña desa parroquia, e unha vez alí, loitara desde a Sociedade de Agricultores e Obreiros de Vilaboa, por mellorar as condicións de vida dos canteiros e outros traballadores como el.

Cando foron prendelo, o 17 de outubro de 1936, Hermosinda estaba embarazada por cuarta vez. Luísa naceu case tres meses despois do asasinato do pai, antes de tempo e con moi pouca saúde a causa do desgusto da nai.

Nunca recuperaron o corpo de Abelardo. Testemuñas miraron como os gardas o quitaban do local desa Sociedade na que el participara, convertido despois do golpe en cuartel, en lugar de torturas. Estaba tan desfigurado das malleiras que só puideron recoñecelo polo berro: “Son Lamoso, de Postemirón” en referencia á coñecida casa do sogro.

A pesar do sufrido, do asasinato de Abelardo e da rapa de Leonor, tanto os Lamoso como os Sobral amosaron sempre a súa solidariedade coa xente que necesitou de pan na longa posguerra. Como nunha burla cruel do destino, tanto Luísa como a súa irmá Carme estudaron naquel local no que Abelardo anhelara un futuro mellor que legarlles, naquel lugar no que lle tiraran o soño a golpes.

Autora: Montse Fajardo

Aparece tamén na publicación Salcedo, a represión franquista contra a loita obreira e agraria

Biografía de Leonor Sobral Acuña

Descargar

Biografías Relacionadas