Josefa Magdalena, a Recacha

Josefa Magdalena García era coñecida en Lérez como Josefina a Recacha, por ser ese o alcume da súa familia, unha das máis represaliadas, xunto aos Gama, da parroquia pontevedresa. Os fascistas asasinaron o seu irmán Juan debido ao seu vínculo coa Federación Comarcal Agraria, da que foi dirixente. Levárono da casa o 10 de setembro de 1936 e, tras torturalo salvaxemente, deixaron o seu corpo mutilado nunha gabia da Gándara, á vista da xente. Estaba casado con Dolores Castro Ruibal e tiñan descendencia.

O mesmo día que mataron a Juan fuxiron da posibilidade de correr a mesma sorte dous irmáns de Josefina: Severino e Ángel. Con eles a Portugal marchou tamén Constante Estévez Casalderrey, o home da súa irmá Mercedes, tamén dirixente da Sociedade Gandeira do Castelo. Ela reuniríase con el ao ano seguinte, xa no exilio bonaerense. Con ela viaxaron as súas fillas, Carmen e Mercedes, e o seu fillo Constante, de curta idade.

Mercedes fuxía así da persecución á que os falanxistas seguiron sometendo sempre ás irmás Magdalena. Entraban na súa tenda do Castelo, ou na de Casaldorado que tiña Josefina, e requisaban o que lles viña en gana.

Mercedes pechouna antes de fuxir. Josefina mantívoa aberta durante varias décadas, segundo a memoria da parroquia, até andados os 60. Durante anos parou na súa porta o camión dos falanxistas a cargar alimentos que xamais pagaban. De toda a familia só ficou en Galiza con ela o seu irmán Cándido, que vivía en Compostela. O que restaba, Alfredo, marchara a Arxentina anos antes da guerra, no seu caso fuxindo da fame contra a que os Magdalena loitaron nas sociedades agrarias e gandeiras, nunha batalla na que acabaron perdendo.

Autora: Montse Fajardo

O PDF descargable corresponde á biografía da familia Magdalena.

Aparece tamén na publicación A represión franquista en Lérez

Biografías Relacionadas