Mourente, 1903-1990

Isolina Villaverde Cendón quedou viúva o 23 de agosto de 1936. A mesma veciña que o agochaba delatou a Aurelio Torres, o Pacheco, e o seu cadáver mutilado apareceu de madrugada en Carabelos. Sindicalista da UXT e participante na defensa da República tras o golpe de Estado, Aurelio era, sobre todo, profundamente anticlerical e, de feito, a memoria oral gardou que a delatora faloulle do seu paradoiro ao cura de Mourente, Ignacio Triñanes, e tamén que este formaba parte das cuadrillas de falanxistas que saían de noite, pistola ao cinto.

Por iso quixo impedir que Aurelio fose enterrado no cemiterio e tamén se opuxo ao desexo de Isolina, que si era crente, de rezarlle un responso ao defunto. Puideron darlle sepultura nunha parcela que era civil pero no tempo do medo non houbo nin oración nin placa que rezase o seu nome, así que Isolina decidiu que se a igrexa non era boa para o corpo sen vida do seu marido tampouco o era para ela, e xamais a volveu pisar. Non obstante, adoitábase ver o seu sacho diante do cemiterio, cando se detiña xunto á tumba de Aurelio ao regresar á casa, logo de pasar a tarde traballando as leiras. Sacou soa adiante os dous fillos e a filla que tivera con Aurelio. Lola Torres Villaverde tamén sufriu as iras do párroco, que lle prohibía ao resto da rapazada xogar con ela, por ser filla dun rojo e estar sen bautizar. Así que, xa grandiña, recibiu as augas que a convertían en membro daquela igrexa que o seu pai rexeitaba e da que a súa nai renegara.

Foi a última derrota dos vencidos: Ver a descendencia obrigada a comungar coas imposicións dos seus asasinos.

Autora: Montse Fajardo

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable. Tamén se pode consultar o Triptico sobre Isolina Villaverde e escoitar unha entrevista a súa neta María Lores ou ver outra en Vídeos.

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email