Isabel Gómez Costas

Isabel Gómez Costas era a muller de Telmo Bernárdez Santomé, fusilado o 12 de novembro de 1936 xunto a outros nove destacados republicanos. Era masón e chegou a ser xefe provincial de Izquierda Republicana. Os seus fillos maiores, Telmo e Jesús, estiveran con el na defensa da legalidade republicana realizada desde o goberno civil ata a súa caída en mans dos golpistas o 20 de xullo. Os dous foron apresados e o maior, condenado á pena de morte, despois conmutada por cadea perpetua, que o levou a pasar por distintos cárceres, incluído o durísimo penal de Ezkaba.

O segundo, Jesús, tras pasar polos cárceres de Redondela e San Simón, marchou a Portugal para volver entrar en España por Catalunya e unirse ao exército republicano. Tras a derrota, viaxou a México onde conseguiría reunir toda a familia. Alí fundou o afamado colexio Madrid, que seguía as pautas da Institución Libre de Enseñanza, e publicou varios manuais de matemáticas.

Isabel e o resto da descendencia, salvo Basilio que marchou para o Uruguai, chegaron ao país de Cárdenas en 1939. Intentara sen éxito salvar a vida do seu home viaxando a Burgos pedir clemencia e, tras o seu fusilamento, fóronlle incautadas todas as propiedades agás roupa, unha cama e o enxoval da mesma. Nun primeiro momento buscou acubillo en Mos, para evitar a rapa da súa filla maior, Bela, que como os seus irmáns Telmo e Jesús era mestra e foi depurada. Despois ambas, xunto as cinco criaturas menores do matrimonio, (a pequena, Carmela, tiña só sete anos) iniciaron unha viaxe que tivo como primeira parada o Porto, onde conseguiron o acubillo do matrimonio redondelá formado por Silo Cal e Amélia Brandão. Aínda estarían en Burdeos, París e Nova York antes de conseguir reunir a familia en México.

Autora: Montse Fajardo

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.

Aparece tamén nas publicacións Homenaxe ás mulleres represaliadas e resistentes de PontevedraAs familias do 12 de novembro

Biografías Relacionadas