• Biografia
  • Audios
  • Videos

Cando foi do golpe de Estado, Adelina Gama marchou ás présas a Vigo e embarcou co posto nun mercante inglés rumbo a Bos Aires, onde tiña uns parentes. Fuxía da represión que condenara a súa irmá Custodia a permanecer corenta días no cuartel; corenta días nos que fora rapada e sometida a humillacións como a de varrer as rúas de Pontevedra coa palabra Comunista escrita en carteis que lle colgaran das costas e o peito, no intento de que delatara o paradoiro dos seus irmáns comunistas, Faustino e Alejandro. A Manuel, que fora concelleiro, xa o detiveran.

A familia intentou afastar dese terror a Adelina e preparouse o exilio, pero ao chegar a Arxentina tivo que ser ingresada nun sanatorio mental, onde permaneceu varios meses. Eran demasiadas renuncias. Non só deixara atrás o seu modo de vida, dous prósperos negocios de ultramarinos, senón tamén a familia que formara con Antonio Lorenzo Codesido.
Pasou unha década antes de que volvera ver o maior dos fillos, que se chamaba como o pai. O seu home reuniuse con ela dezanove anos despois, en 1955, e xa por último viaxou a Arxentina a súa filla Teresa co seu neto, Antonio. O pequeno Foro, que tiña en 1936 quince anos e empezaba unha prometedora carreira no fútbol, tardou catro décadas en volvela ver e de pasada, nunha visita fugaz que fixo ela a Pontevedra xa en democracia. Houbo unha segunda nos oitenta e nada máis. Adelina morreu en Bos Aires e alí está enterrada.

Autora: Montse Fajardo