Lourizán, 1900-1982
  • Biografia
  • Audios
  • Videos

Emilia Carril Vidal, alcumada a Lamboira, foi unha veciña de Lourizán, traballadora da fábrica de conservas dos irmáns Herrero, que os gardas cívicos raparon tras o golpe de Estado como represalia pola súa implicación co movemento sindical. Tiña daquela trinta e seis anos.

A súa historia foi sacada do esquecemento polo historiador marinense Celso Milleiro que explica que tamén a irmá pequena de Emilia, Amalia, de trinta anos, tivo que agocharse logo da sublevación fascista para evitar que lle cortasen o pelo pola súa afiliación á Sociedade de Conserveiras. Conta o historiador que marchou para Arzúa, concello de orixe do seu pai -o labrego de Rendal, Manuel Carril Cotón- e evitou así ser pelada como a irmá.

Ambas morreron en Pontevedra, xa en democracia. Lourizán era a parroquia de orixe da súa nai, Dolores Vidal Acuña. Moi relacionada co traballo do mar, ademais de Emilia Carril, sufriron a rapa outras veciñas como a traballadora da loxa, Asunción Vilas, de alcume a Vidala. Asunción Vilas estivo ademais presa, primeiro en Pontevedra e logo no durísimo cárcere de Saturrarán, na provincia vasca de Guipúscoa. Foi trasladada alá o 23 de febreiro de 1938 e non obtivo a liberdade condicional até dous anos e medio despois, o 21 de setembro de 1940, e grazas á afinidade dalgúns membros da súa familia co novo réxime ditatorial. A Vidala tiña un irmán garda civil e outro comandante do exército franquista.

Autora: Montse Fajardo

Biografías relacionadas