Pontevedra, 1908-1992
  • Biografia
  • Audios
  • Videos

Con vinte e dous anos, Lola Lois casou con Ramiro Paz, que tiña dezasete máis ca ela e acababa de enviuvar da súa primeira muller, Pura Beloso, con quen tivera dúas fillas e tres fillos. Seis anos despois, cando foi do golpe, estaba embarazada por cuarta vez. O fillo naceu en febreiro de 1937, tres meses despois daquel 12 de novembro en que Ramiro foi fusilado xunto a outros nove destacados republicanos.

Lola e outras mulleres de Pontevedra viaxaran a Burgos para pedir clemencia e, aínda que lles dixeran que os salvarían, cando chegaron xa foran asasinados. Ademais impuxéraselles unha multa conxunta dun millón de pesetas, que supuxo a incautación dos bens das familias; no caso de Ramiro, a imprenta La Popular e un quiosco na Alameda.

Lola traballou a reo para saír adiante, logo de ser sobresida a causa por delito de rebelión na que foi acusada de participar con outras mulleres no intento de secuestro de esposas de militares de Pontevedra. Ademais de coser, vendeu teas polas feiras e atendeu o surtidor de gasolina que alugara Ramiro. E en 1941 puxou pola imprenta incautada, grazas ao aceno solidario do resto de persoas participantes que renunciaran á compra para que puidese volver á familia por poucos cartos. Lola converteuse así nunha das primeiras mulleres donas dunha imprenta: Viúva de Ramiro Paz. A pesar de todos os atrancos, a súa familia nunca pasou fame e ela mantivo sempre a súa ideoloxía socialista, republicana e anticlerical, e como aceno resistente deixou o fillo póstumo sen bautizar, igual que fixera co resto durante a II República.

Autora: Montse Fajardo

Aparece tamén na publicación As familias do 12 de novembro.

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.

Descarga // Dolores Lois Soto