Dolores Laxe Esperón

Cando foi do golpe de Estado, Lola Laxe era moza de Edelmiro Dios Vázquez, da familia propietaria da coñecida fábrica do Ferreiro do Pino. Secretario de axitación e propaganda do Socorro Rojo, Mirucho Dios agochouse tras o triunfo dos sublevados, mais foi delatado e o 3 de setembro do 36 sacárono do cuartel onde permanecía detido e paseárono.

Lola, que era modista e había un par de anos que entrara na vintena, morrería pouco despois dunha doenza pulmonar, igual que a súa veciña Estrella Portela. Vivían porta con porta e, coma ela, Estrella tamén mantiña unha relación cun home comprometido politicamente: Faustino Gama Casalderrey, fusilado en decembro do mesmo ano. Estrella, que fora rapada e tatuada, tamén morreu ao pouco do pulmón aínda que a súa familia cre que foi da tristura.

Ningunha das dúas refixo a súa vida logo do loito. Lola era a máis nova da familia. Tiña dous irmáns, Juan e Domingo, e dúas irmás, Hermosinda e Benita. A súa nai, Benigna Esperón, vivía cando ela morreu, xa perdera outra filla e aínda sobreviviu a unha neta. Ademais perseguíronlle o fillo, Domingo, que era do Partido Comunista.

Os gardas leváronllo ao cuartel de Barcelos e logo chegaron de a cabalo á finca onde a muller, Dolores Souto, andaba vendimando e pedíronlle cartos para non matarllo. Tivo que pedir prestado para pagalos e, aínda así, foron o cura de Tomeza e uns veciños de dereitas mirar por el para poder salvalo. Estivo preso ata que enfermou de ciática e deixárono marchar para a casa.

Lola está enterrada en Salcedo.

Autora: Montse Fajardo

Biografía de Dolores Laxe Esperón

Descargar

Biografías Relacionadas