Pontevedra, 1932-2019
  • Biografia
  • Audios
  • Videos

Dolores García, Lita Arosa como lle chamaba a súa xente, era herdeira da memoria do seu home, Cané Paz, -orfo de Ramiro Paz, fusilado o 12 de novembro-, e tamén do seu pai, Ángel García Arosa, Angelito Arosa, un nome para sempre unido á bonhomía e á solidariedade. Así o recoñecía a familia de Jesús González, o Suma y Sigue, ao que García Arosa axudou a fuxir en 1948 da continua persecución franquista. Quitáronlle a vida no intento e aí estivo Ángel, de novo, arroupando o desamparo da súa familia.

Lita construíu a súa, consciente de que a ferida que as balas franquistas lle provocaran tamén ao seu home, ían marcar a súa vida para sempre. Apoiouno na reivindicación da memoria, na loita sen froito emprendida para que o certificado de defunción de Ramiro Paz non marcase como causa a hemorraxia interna, senón o asasinato. E tamén marchou con el, durante anos, á emigración americana, deixando atrás tres anos e medio de exercicio docente. Estudara Maxisterio naquela Escola Normal na que estiveran presos moitos republicanos, entre eles o seu sogro. Na que tamén estudaran as mestras Fina e Tucha Dios, as irmás da súa amiga Maruchi e de Mirucho Dios, paseado polos fascistas.

A vida de Lita discorreu sempre entre as familias da Pontevedra marcada polo seu republicanismo: a casa dos Paz, dos Dios ou de Rita Sobrido, a viúva do mestre Germán Adrio, tamén asasinado o 12 de novembro, na que aprendeu costura acompañada, entre outras, polas fillas de Ramiro Paz, que ao cabo do tempo serían as súas cuñadas.

Até a súa morte, no 2019, foi Lita gardiá da súa memoria resistente.

Autora: Montse Fajardo

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable. Tamén aparece información relacionada en As familias do 12 de novembro.