• Biografia
  • Audios
  • Videos

O 10 de setembro de 1936 os fascistas asasinaron o home de Dolores Castro Ruibal, Juan Magdalena García, destacado dirixente da Federación Comarcal Agraria. Na memoria de Lérez ficou a especial saña empregada no crime. Contouse que intentara suxeitarse ás arbores cando era arrastrado por cabalos e que por iso o seu corpo tiña restos de resina nas mans e cortes nos brazos. Os fascistas abandonaron o cadáver, cos xenitais mutilados metidos na boca, nun camiño da Gándara, á vista da xente.

Dolores quedou soa con cinco criaturas. A Lola e a Rosa, que tiña unha discapacidade psíquica como o seu irmán Manoliño, falecido antes da guerra, tivéraas antes de casar con Juan, e deste último matrimonio naceran Dolores, Juan e Canducho.

Conta o seu neto, Juan Alvite Magdalena, que despois de matarlle o home dedicouse a cultivar a terra, a comprar e vender galiñas, “a esas cousas…”. O día que llo levaran dixéranlle que ía facer unha declaración e que axiña volvía e, pola mañá cedo, levantouse para ilo buscar pero xa alguén lle dixo que volvera para a casa, que estaba morto. O seu neto sábeo polo que lle contou Dolores Magdalena, a súa nai, porque a avoa Dolores diso nunca falaba.

Tras o terror -que tamén empurrara ao exilio os irmáns de Juan, Ángel e Severino, así como a familia da súa irmá Mercedes e Constante Estévez -, chegou o silencio á súa casa de Tilve, en San Vicente de Cerponzóns, onde seguiu vivindo até que morreu. O seu fillo Canducho tamén probou sorte en Buenos Aires. Alí emigrara nos anos 20 Alfredo, outro dos irmáns do seu pai, e alí acabaría residindo boa parte da familia fuxindo da barbarie franquista.

Autora: Montse Fajardo

O PDF descargable corresponde á biografía da familia Magdalena.

Aparece tamén na publicación A represión franquista en Lérez