Xeve, 1919 - Mondariz, 1993
  • Biografia
  • Audios
  • Videos

Digna Blanco non foi detida, nin rapada, nin sufriu ningunha outra vexación franquista mais o golpe de Estado cambioulle a vida para sempre. Daquela tiña dezasete anos e moceaba con Manuel Amoedo, un rapaz de esquerdas que xa no 34 fora condenado a 18 anos de prisión por estar en posesión de dúas armas e dúas caixas de munición. Saíu no 36 grazas a un indulto do novo goberno da Fronte Popular e foi recibido con todos os honores en Pontevedra, pero apenas catro meses despois deixou de ser libre de novo. Cando triunfou o golpe, Manuel buscou agocho na casa que Cándido Blanco, o pai de Digna, tiña en Xeve, mais os gardas presentáronse alí e, tras ameazar o home con queimarlle o fogar, raparlle as nenas e levarlle o fillo pequeno, que apenas tiña catro anos, lograron que os conducise ata o pozo onde Manuel estaba oculto.

Asasinárono esa mesma noite e o seu corpo nunca apareceu. Digna marchou da casa. Nunca lle perdoou ao seu pai que lles ensinase o acubillo do pozo e marchou para Mondariz, traballar de serventa dun matrimonio de Xeve. Tardou máis dunha década en refacer a súa vida, casar e ter descendencia. Xa era nai cando Cándido foi vela a Mondariz pero ela non quixo escoitalo. Rompeu toda relación coa súa familia ata que el morreu. Logo regresou de cando en vez a Xeve visitar a súa nai, Sebastiana Novegil, os seus irmáns, Santiago e Agustín, e as súas irmás, Josefa e Rosario.

Non é que falara demasiado de Manuel pero as súas fillas si sabían cal era a orixe da dor que a afastara do seu fogar en Xeve.

Autora: Montse Fajardo

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.

Biografías relacionadas