Celia Reboredo Guimaráns, a Ghimarana

Na casa de Celia a Ghimarana sempre se dixo que fora rapada “por ‘bolichera’, porque subiron outras mozas do Pazo ao camión e ela foi alí ver a onde as levaban”. Mais o certo é que pertencía a unha familia de esquerdas. Érao ela, e tamén a súa irmá Carmen e o seu irmán José. A memoria gardou que participaban nas manifestacións do 1 de maio. Mais a ditadura franquista impuxo o discurso de que ser de esquerdas era malo e moitas familias negaron calquera vinculación política como método de protección e pode que por iso os Reboredo preferisen transmitir que Celia era rexoubeira antes que admitir que era roja. Esa foi, polo menos, a versión que chegou ás seguintes xeracións.

Celia nacera en 1903 así que no 36, cando a raparon, tiña 23 anos. “E como a ela, un camión enteiro de mulleres, que as levaron e rapáronlles o cabelo ao cero”, di a sobriña. Non raparon a súa irmá Carmen, que nacera en 1907, nin a Peregrina, que era de 1910, pero si foron moitas veces buscar o seu pai, José Reboredo, naqueles días febrís tras o golpe. Pero logrou fuxir e salvou a vida. Non lembran sequera que estivese na cadea.

Celia mantivo sempre unha fonda amizade con Argentina Villaverde, que tamén foi rapada cando levaba no ventre a filla de Alfredo Oliveira, fusilado polos golpistas en Ferrol en outubro de 1936.

Autora: Montse Fajardo

Biografías Relacionadas