Carmen Martínez Vázquez, a Mariona

Xornaleira de Mourente, Carmen Martínez Vázquez, a Mariona, foi sometida a vexacións, desprezos e privacións económicas como castigo á vinculación política dos seus irmáns Joaquín, Ramón e, sobre todo, Manuel, dirixente do Partido Comunista e integrante do Comité en Defensa da República que operou en Pontevedra tras o golpe e ata a caída do goberno civil o 20 de xullo de 1936. Ramón foi prendido axiña pero Joaquín e Manuel fuxiron ao monte. Como non puideron dar con eles, os cívicos prenderon a súa nai, Josefa Vázquez, e Carmen, xunto a outras mulleres da familia, encargouse de levarlles alimento e roupa co pretexto de ir apañar toxo. A biografía de Carmen foi rescatada polo historiador Xosé Álvarez Castro no seu blog Pontevedra nos anos do medo, onde a define como antifascista e anticlerical e onde relata que nunca calou nin os nomes nin as atrocidades dos cívicos de Mourente, nin tampouco a participación nelas do cura Ignacio Triñanes, ao que vía pasar pistola ao cinto. Enfurecíase cando escoitaba dicir que o gobernador Gómez Cantos salvara moitas vidas. Para ela, a súa oferta de misericordia con quen non tiña as mans manchadas de sangue non era máis que unha trampa para cazar republicanos. O seu irmán Manuel tardou case doce anos, até xaneiro de 1948, en entregarse. Joaquín marchou a Barcelona e perdéronlle o rastro, o que fai presumir que non sobreviviu á guerra civil ou á posterior represión. E Ramón foi condenado a cadea perpetua pero o seu matrimonio coa irmá do cívico Edelmiro Leiro puido influír no feito de que quedase en liberdade en 1940.

Esta biografía é un resumo, a completa pode lerse no PDF descargable.

Autora: Montse Fajardo

Biografías Relacionadas