• Biografia
  • Audios
  • Videos

A súa ideoloxía de esquerdas fixo que Carmen Ferreira Peón fose ameazada moitas veces coa rapa, mais librouse pola mediación de xente de dereitas coa que traballaba en Sanidade. Tamén ela tentou, na medida do posíbel, axudar outras persoas que sufrían a represión. Cociñou e lavou a roupa de presos de Figueirido, e ademais tivo ao seu irmán Gumersindo, desertor do bando franquista, agochado até o final da guerra civil española na súa propia casa.

Mesmo socorreu a quen logo sería alcalde franquista de Vilaboa, Cándido Blanco Sobral, cando pouco antes do golpe militar se viu envolto nunha liorta que acabou a tiros. Logo fíxose cívico e, grazas á causa aberta polo asasinato do político Alberto Martínez, fondeado en Bueu, está documentada a súa participación en paseos nocturnos.

Outro irmán de Carmen, Marcial, traballou de chofer na empresa dun dos membros da garda cívica e algunha noite foi obrigado a trasladar a Monte Porreiro os homes que ían asasinar, enchendo a memoria familiar de datos da represión en Pontevedra que a historia oficial tentou durante décadas silenciar.

Cando foi substituída do posto en Sanidade por outra muller de ideas máis afíns ao novo goberno, Carmen gañou o pan cosendo. Ía de casa en casa coa máquina na cabeza e sobre todo confeccionaba calzóns para o exército, por encarga da fábrica de Regojo. O soldo completábase cos pesos que lle daban as familias dos presos de Figueirido, cos que sempre acababa compartindo un doce preparado na casa, ou un codelo de pan.

Autora: Montse Fajardo

A biografía anexa é da súa filla Amelia e recolle información relacionada coa nai.

Biografías relacionadas