• Biografia
  • Audios
  • Videos

Veciña de Salcedo, Camila Pintos Blanco foi rapada tras o golpe de Estado de xullo de 1936. A súa historia é un bo exemplo da persecución que sufriron as familias máis comprometidas coa loita da clase traballadora, mesmo antes da proclamación da II República. Camila era sobriña de José Pintos Blanco, outro veciño da mesma parroquia detido como consecuencia do motín do Campo da Porta.

O motín tivo lugar o 19 de xuño de 1894. Veciñanza da parroquia, farta dos abusos dos recadadores, enfrontouse a uns axentes de arbitrio que querían embargarlle a unha familia un pote e unha vaca. Os gardas foron no seu rescate e na liorta mataron tres persoas: Francisco Piñeiro, José Rodríguez e Manuela Couso, ademais de ferir gravemente dúas irmás desta última, María e Benita Couso.

José Pintos Blanco foi un dos veciños que acudiu logo dos feitos para denunciar a actuación dos gardas e acabou detido xunto a outra media ducia de homes.

A seguinte xeración que intentou loitar contra os abusos tamén foi silenciada: cos asasinatos, coa rapa, co medo. Xunto a Camila Pintos, a sobriña de José, foron rapadas as irmás Hortensia e Dolores Garrido Couso, alcumadas as da Mona. A súa nai era curmá da única muller asasinada no motín do Campo da Porta: Manuela Couso. Foi unha familia moi marcada polo ocorrido. Co desgusto do asasinato de Manuela e das feridas recibidas por María e Benita, en apenas unhas horas faleceu outra das irmás, que estaba gravemente enferma, e o seu pai acabou padecendo unha importante doenza mental.

Autora: Montse Fajardo

Aparece tamén na publicación Salcedo, a represión franquista contra a loita obreira e agraria