Asunción Vilas, A Vidala

O ano en que se proclamou a II República, Asunción Vilas estaba traballando na lonxa de Marín, e nin a súa pouca idade -dezaoito anos-, nin a súa pertenza a unha familia conservadora evitaron que se implicase na loita sindical que agromaba entre as súas compañeiras. Por iso, catro anos despois, cando foi do golpe de Estado, foi condenada a doce anos por auxilio á rebelión e sometida á vexación da rapa. Tras o paso polo cárcere de Pontevedra, cumpriu parte desa condena no durísimo penal vasco de Saturrarán do que saíu, tras sufrir un cólico de ril, grazas ás influencias dos seus irmáns Pepe e Lino, que eran garda civil e comandante do exército franquista, respectivamente.

Recuperada a liberdade volveu traballar na lonxa e con moito esforzo logrou sacar adiante a Carmen, a filla que tivo de solteira en 1953. Tamén Asunción se criara sen pai pois quedou orfa moi nova e, a pesar diso, a súa nai, Asunción López, empeñouse en que a súa descendencia tivera estudos, fosen mulleres ou varóns, xa que tamén ela, a pesar dos tempos, puidera ir ao colexio. Pero A Vidala preferiu traballar e na idade en que a súa irmá Remedios estudaba mecanografía en Madrid, ela xa andaba co peixe na lonxa.

A súa filla Carmen xa era unha rapaza cando lle contou que estivera presa e nunca lle dixo que a raparan. Sóuboo cando xa morrera, grazas ao historiador marinense Celso Milleiro. “Non era que fose un tema tabú pero a miña nai non falaba moito daqueles tempos”. Iso si, sempre mantivo as súas ideas, e morto o ditador acudía a cada cita coas urnas para amosar o seu apoio á esquerda.

Autora: Montse Fajardo

Aparece tamén na publicación Homenaxe ás mulleres represaliadas e resistentes de Pontevedra

Biografías Relacionadas