• Biografia
  • Audios
  • Videos

Asunción agardou dentro dun coche, na porta mesma do Goberno Civil, a que o seu home, José García Vidal, acudise a declarar en favor de Alexandre Bóveda no Consello de Guerra celebrado o 13 de agosto de 1936. Cando rematou marcharon para Carballedo, onde el nacera, deixando atrás os dous fillos e as dúas nenas, e os dous primeiros días pasáronos na casa do cura. Despois estiveron en Ourense, coa irmá de Asunción, durante dous meses, e outro tanto de novo en Carballedo, antes de asegurarse de que o aceno solidario do avogado non poría en perigo a súa vida.

Nunca foron buscalo pero afastárono do seu posto como letrado da Deputación. Outros evitaran os posibles danos negándose a prestar testemuño pero el non estaba disposto a marchar sen facer o posible por salvar a vida do seu amigo, con quen compartira tarefas de redacción do Estatuto de Autonomía. Politicamente estaban afastados: Bóveda apoiou a integración na Fronte Popular e García Vidal optou por Dereita Galeguista, pero defendeu ante o tribunal, no peor dos tempos, as bonanzas do redactado. Na véspera do consello de guerra prometeulle a Amalia Álvarez que non marcharía sen ter declarado, aínda que non servira para evitar que catro días despois ficase viúva, cando estaba embarazada da quinta filla.

En vida de García Vidal nunca se falou daquilo mais un día, logo do seu pasamento, chegou á casa un exemplar do libro en que o irmán de Amalia recollía a biografía de Alexandre, incluído o testemuño que o avogado prestara ao seu favor. E Asunción esqueceu o temor que pasara naquel agosto, o seu desexo de que o home puxera a salvo a súa vida, e leulle unha e outra vez aos netos e ás netas aquela pasaxe que reflectía a bonhomía do seu marido.

Autora: Montse Fajardo

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.