1908-1936
  • Biografia
  • Audios
  • Videos

Participara na defensa da II República que tras o golpe de Estado se orquestrou desde o Goberno Civil de Pontevedra ata a súa rendición, o 20 de xullo. O seu home, Juan Manuel Gómez Corbacho, que xa estivera detido en outubro do 34, iniciou unha fuxida que en decembro do 36 o levou ata o alboio do fogar de Consuelo e Ramón Acuña, na parroquia de Salcedo. Nel estaba tamén agochado Manuel Méndez Montes, casado coa irmá de ambos os dous, Manuela Acuña. Elvira estaba dentro da casa cando, o 12 de decembro, chegaron os cívicos e a Garda Civil. Plantáronlle lume ao alboio, quitándolle a vida aos dous fuxidos, e levaron detidos a Consuelo, Ramón e Elvira, para sometelos, xa ao día seguinte, a un consello de guerra sumarísimo que os condenou a morte.

Consuelo e Ramón foron fusilados ao amencer seguinte, o 14 de decembro de 1936. Elvira dixo que estaba embarazada e adiáronlle a sentenza para acabar levándoa ao paredón só cinco días despois, o 19, alegando que as probas médicas descartaran o estado de gravidez. Outro preso contoulle á pequena das súas fillas que a fusilaran sentada nunha árbore porque non se tiña en pé. En capela pediulle ao capitán do pelotón que escribira unha carta pregándolle ao seu bo amigo, o socialista Mauro Caballero, que el e a súa muller, Petra Calleja, se fixesen cargo da máis pequena das súas fillas, Manuela, que aínda non cumprira os catro anos. Elvira quixo que a maior, Pilar, que tiña seis, quedara a cargo da súa irmá, Delia Lodeiro, que a levou para Arxentina. As pequenas nunca máis se volveron ver.

Autora: Montse Fajardo

O PDF que se pode descargar a seguir é unha entrevista a Manuela Gómez Lodeiro, filla de Elvira.