1876-1936
  • Biografia
  • Audios
  • Videos

Consuelo Acuña Iglesias foi unha das dúas pontevedresas fusiladas a raíz do que se coñece como sucesos de Salcedo. En decembro de 1936 foi condenada a pena de morte por agochar a dous fuxidos: Manuel Méndez Montes, casado coa súa irmá Manuela; e un compañeiro deste, Juan Manuel Gómez Corbacho. Tras unha delación, cívicos e gardas civís prendéronlle lume ao alboio da casa de Consuelo, onde os tiña agochados, e os dous morreron no asalto.

Ela, o seu irmán Ramón e a muller de Gómez Corbacho, Elvira Lodeiro González, que tamén estaba na casa, foron sometidos a Consello de Guerra na mañá do domingo 13 de decembro, só un día despois da queima do alboio. A Consuelo e Ramón fusiláronos o luns 14. Elvira dixo que estaba embarazada e adiaron a sentenza, pero foi igualmente fusilada o 19 de decembro, alegando que o recoñecemento médico descartaba o embarazo. Deixaba orfas a dúas nenas: Pilar e Manolita.

Consuelo tiña 60 anos. Deixou un fillo de solteira xa adolescente, pero totalmente dependente por causa dunha discapacidade psíquica. Tras quedar orfo viviu coa súa tía, Manuela Acuña Iglesias (que aquel aciago decembro perdeu o seu home, a súa irmá e o seu irmán), e coa filla desta, América Méndez Acuña, a orfa de Manuel.

Autora: Montse Fajardo

O PDF que se pode descargar a seguir achega información sobre Consuelo Acuña.